Encontro musical por Sta Icia
Actuación Airiños de Orbazai
-
Actuación do grupo Airiños de Orbazai . O día 9 de Decembro as 20h na Casa da Cultura de Sober. Seguimos celebrando que levamos 20 anos de Trícole. Colabora con nós o Concello de Sober
O grupo Searas de Chantada, o día 28 de xullo en Sober
Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre no asalto ao Castelo de Vimianzo.
É (foi) a edición número 22 do Asalto…
Ben poderiamos comezar polo importante que resulta, para construírmos o futuro colectivo, coñecer a historia (a nosa). Para mal ou para ben, a dos Irmandiños foi determinante.
O programa amplo e variado.
E dentro del o que alá nos levou: o concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.
As pausas entre cancións, coas medidas intervencións de Xabier, permitiunos saber que xa estivera no asalto hai vinte anos, que catro anos atrás veu con Berrogüetto e que conta dentro de outros vinte anos volver. Aínda que con fina ironía deixou caer que ben podería ser antes. Xa nós en Sober percibiramos en marzo que moitas das mensaxes serias ían cargadas dese pouso retranqueiro que as fai máis evidentes.
Con puntualidade de agradecer, comezou o concerto ás 22 horas xustas (o asalto ao castelo estaba para as 23:30 horas). Isto fixo que, na sobremesa, Alba pedise que cantasen Cantiga da Montaña (descubriu, claro, que non estivera no comezo). Houbo uns compases de deferencia, non máis. O que permitiu tamén, nun comentario preciso de Xabier, reivindicar o importante da hora nos concertos de música tradicional. Era ben visíbel a presenza de familias ao completo, con pícaros.
Mais vaiamos á música propiamente.
Non nos imos parar na voz cálida, próxima e engaiolante de Xabier, que resoaba mesmo aló nos muros do castelo. Queremos achegarnos a cualificar o son do conxunto Xabier e Adufeiras. Neste sentido, confirmamos como o home da pandeireta se adiante con ese martelar fusco, nu e telúrico, mentres os adufes repenican cal cabalos que se aproximan para o asalto definitivo da música de raíz popular. Nos extremos do escenario, Gutier facía que tivésemos que ollar por todo o escenario como non crendo que puidesen saír tales sons da zanfona, mentres o diatónico de Javier Álvarez nos envolvía nunha tensa atmosfera de néboa.
Certamente ficamos enfeitizados polo son de Xabier e Adufeiras de Salitre. Singular, pasado e próximo á vez, camiño sen dúbida para abrirmos futuros de música e cultura de noso.
Forza!, por Xabier e Adufeiras.
SUSO VERAO PÉREZ.
A Ferreirúa en festas.
Esta fin de semana festa na Ferreirúa da Pobra do Brollón.
Xa onte pola tarde-noite estiveron Os Parentes e hoxe iremos á misa os compoñentes do Trícole. Falo dos grupos que nos cadran máis na familia, pero o cartaz de actos dos tres días é máis que potente. Mostrámolo a seguir e alí esperamos aos lemeses que queirades acudir a ese espazo tan singular.
A cargo de Xabier Díaz, este mércores, 8 de marzo de 2017, charla-obradoiro sobre música tradicional. Casa da Cultura de Sober ás 20:00 horas.
A asociación cultural O Trícole, que actúa no conxunto da Ribeira Sacra e tén a súa sede en Sober, organiza unha charla-coloquio sobre música tradicional a cargo de Xabier Díaz, músico que participou en diferentes formacións (Berrrogüeto, A Cada Canto, entre outras) e, na actualidade, fai tándem con Adufeiras de Salitre (houbo concerto este sábado 4 en Ourense).
O Trícole celebra neste 2017 os vinte anos de existencia. Números redondos, dúas decenas. Se xa Serrat puido dicir dúas veces (e cantalo) “hai vinte anos que teño vinte anos”, nós, ben máis modestos aínda que xa maiores, anunciamos que os temos: vinte de ensaio semanal e actuacións que nos permiten dar a coñecer o que facemos, músicas de noso -e non tanto- recollidas unhas, outras arranxadas e algunha creada.
Por isto decidimos levar a cabo unha serie de actos que fagan máis visible esta nosa efeméride. O primeiro deles, esta charla con Xabier Díaz -e volvemos ao músico que nos acompañará- porque é un dos importantes investigadores e coñecedores da música tradicional e popular. Preocupado especialmente polas forma do canto, da danza e da percusión e voz con ecos do noso pasado máis auténtico e matices que nos proxectan ao universo da cultura, ofrecendo o máis universal da nosa.
O dito, o mércores 8 de marzo ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Sober, con Xabier Díaz. Non faltemos. Esperámosvos.
Xesús Verao Pérez, presidente da agrupación.
Xabier Díaz dará, en Sober, unha charla-obradoiro sobre música tradicional
Organizada polo Trícole e coa colaboración do Concello de Sober, no próximo día 8 de marzo, mércores, ás 20:00 horas, terá lugar, no salón de actos da Casa da Cultra de Sober, unha charla-obradoiro sobre música tradicional. A palestra correrá a cargo de Xabier Díaz, notábel investigador e profundo coñecedor da nosa música tradicional e popular. Velaí o cartaz.